domingo, 11 de marzo de 2012

Peza dramática máis antiga na nosa lingua

A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, é unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo do ano 1671. Esta  é a primeira peza teatral escrita en galego.
Ten como tema un dos moitos enfrontamentos que os habitantes das dúas beiras do río Miño mantiñan polos dereitos da pesca. Na peza, un fidalgo portugués pretende saltarse a regulamentación tradicional facendo dous lances (saída dos barcos pesqueiros) por cada lance que fagan os galegos. Fronte a el, o cabaleiro Roleiro está disposto a impedilo e ambos loitan en escena, saíndo campión o galego, que unha vez só en escena conta como é a batalla. Os espectadores saben que os portugueses son derrotados polo pranto que unha portuguesa realiza no escenario sobre o cadáver do seu home. A obra termina coa reconciliación final entre os habitantes das dúas beiras e a celebración conxunta dunha festa e dun baile.
Na Contenda, o fidalgo si que responde a tipo de fachendoso e mullereiro que presentaban os fidalgos dos entremeses, pero Roleiro non é o rústico parvo e, ademais, por riba, gaña, de modo que hai unha subversión social. Ademais, a peza está localizada nun tempo e nunha xeografía concretas. E o espectador identifícase con Roleiro.

O autor marca ademais as diferenzas sociais e o enfrontamento, caracterizando ao portugués coas falas barrocas e amaneiradas dos fidalgos e con variantes fonéticas que o distinguen do falar galego. Non é unha obra bilingüe, senón que utiliza tres ou catro signos ortográficos e variantes morfolóxicas para diferenciar as falas dunha e outra beira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario